05
Estudo dos factores ambientais, iaotroxénicos ou metabólicos nocivos para o sistema musculoesquelético.
a. Cafeína, un factor de risco para a artrose e a inhibición do crecemento óseo lonxitudinal.
As enfermidades reumáticas ou musculoesqueléticas son patoloxías que afectan ó tecido conectivo. Nalgunhas delas, como a artrose, a cartilaxe hialina articular é o tecido comprometido. A cartilaxe hialina, ademais de localizarse nas articulacións diartrodiais, tamén se atopa na placa de crecemento, onde desempeña un papel importante no crecemento lonxitudinal do óso.
O noso grupo céntrase noestudo do impacto do consumo da cafeína de forma directa ou indirectamente durante o embarazo, sobre a cartilaxe hialina articular e da placa de crecemento.
Os datos suxiren que a cafeína afecta negativamente a ambas cartilaxes, incrementando a predisposición de padecer artrose e a inhibición do crecemento lonxitudinal do óso. Polo tanto, deberíase de evitar o consumo de cafeína durante o embarazo e naqueles pacientes que padecen enfermidades reumáticas con afectación da cartilaxe tales como a artrose.
Figura 1: Comparación entre a cartilaxe de crecemento san e os cambios inducidos no mesmo polo consumo de cafeína.
b. Visfatina como biomarcador e diana terapéutica nas patoloxías musculoesqueléticas.
A crecente prevalencia de patoloxías musculoesqueléticas como a artrose, a osteoporose ou a artrite reumatoide, está causando un impacto negativo no benestar social. Parte deste aumento relacionouse co incremento de enfermidades metabólicas como a obesidade, a diabetes ou a dislipemia. Entre os diversos factores vinculados con estas patoloxías destaca a visfatina (NAMPT), unha encima con actividades pleitrópicas en múltiples tecidos, incluíndo a promoción das respostas inflamatorias. Polo tanto, o noso grupo estuda o uso da visfatina como biomarcador e/ou diana terapéutica para o manexo do compoñente inflamatorio crónico nas principais enfermidades reumáticas.
Figura 1: A artrose aumenta os niveis de visfatina/NAMPT, os que se correlacionan positivamente co desenvolvemento da patoloxía, múltiples biomarcadores, así como factores inflamatorios e catabólicos.
c. Estudo dos potenciais efectos adversos de fármacos para o tratamento de enfermidades neurolóxicas sobre a placa de crecemento.
Determinados fármacos empregados para o manexo de enfermidades mentais e neurolóxicas relacionáronse con alteración no metabolismo de diversos órganos e tecidos. Concretamente, observouse que algúns efectos secundarios destes fármacos afectan á cartilaxe hialina articular e á cartilaxe da placa de crecemento. De feito, diversos estudos evidenciaron diferencias significativas na altura daqueles pacientes que recibiron un tratamento con estes fármacos. Máis aló das consecuencias directas que estes fármacos poidan ter sobre os tecidos do sistema músculoesquelético, é de especial importancia a predisposición que poidan producir de sufrir outras patoloxías musculoesqueléticas.
A día de hoxe, os mecanismos moleculares vinculados a estes efectos adversos permanecen descoñecidos. Non obstante, manéxanse varias hipóteses para explicar estes efectos nas que as alteracións na inxestión teñen un papel imporante. Outras hipóteses, sen embargo, establecen a posibilidade dunha interferencia destes fármacos en rutas de sinalización implicadas no crecemento e anabolismo dos tecidos do sistema musculoesquelético.
Por todo isto, nesta liña de investigación propuxémonos determinar os efectos destes fármacos a nivel celular e tisular, de modo que poidamos illar o efecto local destes fármacos fronte ós efectos indirectos, relacionados coas alteracións endócrinas que producen. O coñecemento específico dos eventos moleculares desatados por estes fármacos permitirá desenvolver abordaxes terapéuticas fronte ós seus efectos secundarios.